- A cativada puido tamén gozar da proxección de catro curtas encadradas na categoría infantil, de nova creación no certame: O monstro e a nena, Ovo, Papirola e Chimborazo
O FIC Vía XIV de Verín programou esta mañá, con grande éxito de afluencia, unha actividade destinada ao público infantil baixo a denominación Vémonos no futuro, que foi dirixida pola narradora oral Raquel Queizás. “Dende a organización do certame non queremos deixar a ningún grupo de idade atrás e consideramos que achegar o cinema aos rapaces e rapazas de Verín e comarca é fundamental para axudar a conformar espectadores críticos para o día de mañá”, considera Carlos Montero, director do FIC Vía XIV en relación a esta actividade.
Ademais, por vez primeira, o máis de medio millar de nenos e nenas procedentes de diferentes centros educativos de Verín e comarca que participaron na iniciativa puideron visionar unha serie de curtas programadas especialmente para eles no marco dunha sección de nova creación no festival: a categoría infantil. Nela, programáronse as curtas O monstro e a nena, Ovo, Papirola e Chimborazo. Ao tratarse dunha categoría oficial, o xurado elixirá tamén o mellor dos traballos exhibidos na mesma, que recibirá un premio específico.
Ciencia ficción e metacine
A actividade dirixida por Raquel Queizás, unha veterana colaboradora do FIC, versou sobre ciencia ficción e metacine. "Este espectáculo, que levou por título Vémonos no futuro, mestura a narración oral co teatro e co cinema e pretendeu convidar á rapazada a realizar unha fantástica viaxe no tempo”, destaca Queizás.
“Coa actividade tentei axudar aos pequenos e pequenas a conectar o poder da literatura co do cinema para imaxinar futuros: futuros pasados. Puidemos coñecer as primeiras adaptacións literarias de ciencia ficción levadas para a gran pantalla e gozamos dos pioneiros efectos especiais", abonda a narradora oral.
Pincho cinema e actuación de Caspervek
A axenda de actividades paralelas do FIC Vía XIV prosegue esta tarde coa posta en marcha da iniciativa Pincho cinema, secundada por varios locais de hostalaría de Verín, que servirán esta noite a partir das 21.00 horas petiscos e tapas elaboradas a partir de motivos relacionados coa sétima arte. Trátase dos establecementos Brasil, Alambique, Gandainas, Casa do Pulpo, Franchesco e Regueiro da Cova.
Con posterioridade, a partir 22.00 horas, terá lugar na Praza García Barbón de Verín a actuación do grupo Caspervek, que musicalizará en directo algunhas das curtas máis representativas do cinema mudo. Empregando elementos do jazz clásico, a música contemporánea, o folk ou a electrónica, os membros deste grupo construirán un espazo performativo propio onde a percepción sensorial terá un papel fundamental.
As persoas que asistan a esta actividade poderán desfrutar do visionado dunha selección de curtametraxes, que inclúe os títulos Viaje a la luna, Alicia en el país de las maravillas, Felix go west, Les Kiriki e La casa eléctrica, mentres os integrantes de Caspervek lle poñen o seu acento musical propio.
Deixa unha resposta