- O actor rioxano conquistou ao público da vila cunha representación que reflexiona sobre o cotiá dende a perspectiva do pallaso, con tintes de comedia e humor absurdo
As 350 butacas coas que conta o Auditorio de Verín ocupáronse este serán durante a representación do pase teatral Encerrona, protagonizado polo actor rioxano Pepe Viyuela. Trátase da segunda vez que este recinto completa o seu aforo na súa historia cunha actividade deste perfil (a anterior ocasión na que sucedeu foi coa visita de Luis Zahera). O público, procedente de Verín maioriatariamente pero tamén doutros puntos da comarca e, mesmo, da provincia desfrutou cunha obra na que Viyuela propón unha reflexión sobre o cotiá dende a perspectiva do pallaso, con tintes de comedia e humor absurdo.
“O protagonista vive a experiencia de quedar atrapado nas táboas á hora de entrar na escena posto que non sabe onde se está a meter. Entón atópase co público. El non vén actuar, pero vese obrigado a iso”. Este é o resumo da sinopse de Encerrona, a obra coa que Viyuela está a percorrer con éxito a xeografía española. Un pase de hora e media de duración cun notable trasfondo que dá pé a unha reflexión sobre a propia existencia do ser humano.
Ademais, durante toda esta fin de semana estase a levar a cabo tanto no Auditorio como en diferentes emprazamentos exteriores de Verín o obradoiro Interpretación ante a cámara, unha iniciativa de 22 horas de duración impartida por Santi Cañaveral e Álex Mallo cuxo obxectivo é ofrecer claves para que os participantes poidan manexarse actoralmente con soltura perante as cámaras.
Música de The Funkles
A segunda xornada da VIII edición do FIC Vía XIV, que ata o vindeiro día 17 de setembro se desenvolverá na vila do Támega, completouse coa música de The Funkles, que realizou un tributo á mítica banda de Liverpool The Beatles prestando especial atención a aquelas cancións do grupo que serviron de banda sonora para diversos films.
Deixa unha resposta