O Festival Internacional de Curtametraxes de Verín incluirá por vez primeira unha categoría infantil como nova sección oficial

  • A cativada da comarca poderá desfrutar do visionado de catro curtas, programadas especialmente para eles e elas, durante a mañá do xoves 14 de setembro
  • A narradora oral Raquel Queizás dirixirá, ademais, nesa mesma mañá unha actividade dirixida aos máis pequenos co obxectivo de familiarizalos “coa maxia do cine”, que terá como fío condutor a ciencia ficción na sétima arte

 

O pase destas curtas está fixado para a mañá do xoves 14 de setembro, no Auditorio de Verín, e dende a Dirección do FIC convidouse a todos os colexios da comarca a participar na actividade. Unha actividade na que, ademais de visionar as curtas, os rapaces e rapazas asistentes poderán votar de xeito lúdico polo seu traballo favorito. Porén, o premio á mellor curta desta categoría será outorgado polo xurado profesional, ao igual que acontece co resto de categorías.

“Este espectáculo, que mesturará a narración oral co teatro e co cinema, convida á rapazada a unha fantástica viaxe no tempo. Imos descubrir, no FIC de Verín, o poder da literatura e o cine para imaxinar futuros: futuros pasados. Imos coñecer as primeiras adaptacións literarias de ciencia ficción levadas para a grande pantalla. Gozaremos dos pioneiros efectos especiais”, destaca Raquel Queizás.

 “Esperan por nós moitas aventuras que nos van levar, fotograma tras fotograma, á descuberta de novos mundos. Imos visitar unha metrópole descoñecida. Coñeceremos robots moi humanos, científicos tolos, guerreiras galácticas, homes invisibles… Como broche final, gozaremos coas curtas seleccionadas polo Festival. Imos así ver historias que fomentan o respecto pola natureza, pola amizade e os coidados, pola liberdade, pola paz, pola tolerancia e mais a igualdade entre homes e mulleres”, engade a narradora oral.

Para Carlos Montero, director do FIC Vía XIV de Verín, “é moi importante incentivar que os nenos e nenas da comarca poidan achegarse á cinematografía cunha actividade, perfectamente deseñada e dirixida por unha profesional con experiencia, cuxo obxectivo é axudar a que se poida espertar neles o interese pola sétima arte e conformar espectadores críticos para o día de mañá”.

Leave a comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *