- A proxección da imaxe da vila grazas ao certame consolida o FICVerín como unha sólida aposta cultural.
- Emilia Somoza confirmou que a segunda edición de Festival Internacional de Curtametraxes de Verín terá lugar no próximo mes de outubro.
O Festival Internacional de Curtametraxes de Verín VIA XIV ratifica o éxito da súa primeira edición con máis de 2500 espectadores e un retorno económico valorado en máis de 70.000 euros. A proxección da imaxe da vila grazas ao certame consolida o FICVerín como unha sólida aposta cultural.
Así o confirmaron esta mañá na Casa da Cultura Emilia Somoza, concelleira de Cultura; Carlos Montero, director do Festival e Xosé Lois Santiago, director de Produción do evento. Á presentación tamén acudiron, Francisco Pérez, presidente da Asociación de Hostaleiros de Verín (aehcom) e José Manuel Rodríguez Bugallo, director do C.E.I.P Princesa de España (en representación dos centro educativos participantes nas actividades infantís do festival).
O FICVerín, que contou cun orzamento final de 40.400 euros, seleccionou este ano nas súas tres seccións oficiais 39 de obras internacionais de ficción, animación e documental, todas elas dun gran nivel, procedentes de Galicia, Colombia, México, España, Brasil e Luxemburgo. “En total”, explicou Emilia Somoza, “máis de 1200 espectadores pasaron polas dúas salas de proxeccións habilitadas no Auditorio Municipal e o Salón de Actos da Casa da Cultura”. As curtametraxes internacionais que este ano integraron a sección oficial a concurso foron elixidos entre 650 traballos recibidos pola organización do FICVerín dun total de vinte e un países.
A esta cifra debemos sumarlle a participación nas diferentes actividades paralelas realizadas antes e durante o festival: conferencia temáticas previas (245 espectadores), actividades infantís (195), foros audiovisuais temáticos (328), gala inaugural (217) e gala final (310), o que nos dá unha participación total de máis de 2500 persoas. “Temos que ter en conta”, explicou Xosé Lois Santiago, director de produción do festival, “que este fluxo económico xerado polos espectadores, técnicos, voluntarios e concursantes supuxo un notable incremento do consumo de bens e servizos na vila durante a súa presenza no festival. Ese gasto tradúcese nuns 8,50 euros por persoa, resultando un retorno económico indirecto de máis de 23.000 euros”.
No que a repercusión e impacto mediático refírese, o certame -a pesar de ser a súa primeira edición- mantivo unha presenza constante antes e durante o festival en espazos internacionais, nacionais, rexionais e locais de radio, televisión e internet e prensa escrita. “Se tivésemos que facer unha valoración económica extrapolada de todos estes datos, é dicir, se tivésemos que pagar o custo dunha campaña publicitaria con este impacto, estariamos a falar dunha cantidade que superaría os 25.000 euros (retorno inmaterial). Podemos dicir que o FICV deu o primeiro paso para poñer Verín no mapa cultural internacional”, recalcou Montero.
Finalmente, a organización do FIC VERÍN quixo destacar o gasto directo que se realizou na vila, resultando ser un importante investimento económico nos seus distintos sectores produtivos e de servizos. A contratación por parte do Festival de empresas, profesionais e persoal de Verín cífrase en máis de 25.000 euros, mentres que a contratación de servizos para a produción (audiovisuais, iluminación, son, etc.) alcanza case os 11.505 euros. Os servizos hostaleiros e de restauración valóranse ao redor de 4200 euros mentres que aqueloutros vinculados á comunicación, soportes e imaxe alcanzan 5.360 euros. Todo iso significa que a xestión orzamentaria desenvolvida polo Festival neste ano 2016 supuxo un total de gastos directos na vila de Verín próximos aos 23.000 euros.
Satisfacción na hostalería
Pola súa banda, Francisco Pérez, presidente de aehcom, valorou moi positivamente a realización dun festival deste tipo, tanto desde un punto de vista cultural como económico. “podemos afirmar que o Festival trouxo consigo un incremento da actividade hostaleira durante estes días que, esperamos, aumente exponencialmente en futuras edicións”.
Pérez tamén quixo destacar que este certame contribúe a atraer un público dun determinado nivel cultural que doutra forma seria difícil atraer á vila. “Non só é importante a cantidade de turistas, tamén a súa calidade e a súa capacidade de vender a nosa marca ao exterior. Cremos que, neste sentido, o festival consegue vender unha imaxe de marca de Verín cun altísimo nivel de calidade”.
Apoio do ámbito educativo
Pola súa banda, José Manuel Rodríguez Bugallo, director do C.E.I.P Princesa de España, quixo destacar que este evento é unha forma de poñer a Verín no mapa. “É evidente que o impacto mediático que tivo o festival nos medios, tanto a nivel nacional como rexional e local, supón unha campaña publicitaria cun valor que dificilmente nos poderiamos permitir pagar”.
Bugallo destacou tamén que “o éxito do festival non fai máis que confirmar que as actividades culturais si interesan á xente en Verín, se realmente póñenllas ao seu alcance.”
Para terminar, o director do C.E.I.P Princesa de España quixo destacar que a súa valoración como docente “non pode ser máis positiva xa que todos os nenos quedaron encantados coas películas e coas actividades infantís. Podemos considerar que as expectativas xerais cumpríronse con fartura”.
SEGUNDA EDICIÓN
Por último, Emilia Somoza confirmou que a segunda edición de Festival Internacional de Curtametraxes de Verín terá lugar no próximo mes de outubro.
Deixa unha resposta