
- Trátase dunha iniciativa abandeirada polo responsable de Creatividade e Multimedia do FIC Vía XIV, Jorge Godás
Verín, 22 de abril de 2019.- Jorge Godás, responsable de Creatividade e Multimedia do Festival Internacional de Curtas de Verín (FIC Vía XIV) parte cara a localidade siberiana de Mirny para divulgar un proyecto multimedia no que leva máis de dous anos traballando en cooperación co ruso Vladislav Soldakenko. “Trátase dun proxecto de música descritiva, que é como a min me gusta referirme ao que fago, posto que combina música e imaxe. E exhibirase no marco do tradicional festival cultural que Mirny celebra cada ano e que neste 2019 se desenvolverá entre o 24 de abril e o 1 de maio”.
Un proxecto que nace da inquedanza do propio Godás por todo o que ten que ver coa música electrónica e claramente inspirado en composicións dos grandes do xénero, como Jean Michel Jarre. A través dun contacto común, o do fotógrafo verinés Carlos Folgoso, Godás entrou en contacto con Soldadenko e xuntos decidiron “emprender esta aventura que se presentará ao público o vindeiro 28 de abril.”.
“Comprobei que Soldadenko e máis eu tiñamos en común unha ligazón a través da música. E pediume que compuxera algúns temas. Posteriormente, a colaboración foi medrando e decidimos darlle unha continuidade creando un concerto para ser divulgado no marco do festival cultural de Mirny”, aclara Godás. “O resultado é unha obra de 2´15´´ de duración cun fío condutor claro moi inspirado nas novelas de Julio Verne, das que sempre fun un ávido lector, e que leva por título The timesounds”.
Grandes hitos de Rusia
O proxecto homenaxea a través da integración de imaxes, sons, textos acústicos e outros elementos como danzas ou performances grandes hitos da historia rusa tales como o xadrez ou a cosmonaútica. Pero non perde a súa vocación social e de denuncia, tal e como aclara Godás, “posto que unha das partes quere realizar unha homenaxe a os oito mineiros de Mirny que perderon a vida nunha canteira no verán de 2017”.
Ao respecto do seu proceso de creación, Godás matiza que sempre compón “a través de imaxes”. “Eu compoño e creo imaxes na miña cabeza pois trátase dun proceso moi experimental, que foxe do clásico. Xogo cos sons e cos ritmos e sempre vou recreando unha acústica á que logo lle dou forma”, aclara.
Jorge Godás parte cara a Rusia a presentar o proxecto e agarda poder exhibilo tamén en Verín no futuro. Non en van, contou coa colaboración de diversos profesionais da localidade tales como o produtor audiovisual e director do FIC Vía XIV, Carlos Montero, e o realizador Manuel San Martino.
Deixa unha resposta